Presentamos a Biblioteca Enerxética, un servizo que o grupo galego presta a socios e socias da cooperativa la liña da autoformación e co fin de promover o debate sobre a enerxía entre a súa base social e a cidadanía en xeral.
Entre os servizos que, como grupo local (ou para o caso, Sección Territorial galega), queremos darlle ás persoas socias da cooperativa, está a de difusión de textos relacionados coa enerxía. Son xa tres os títulos os que conforman a nosa pequena «biblioteca», que ten forma física no local da cooperativa Zocamiñoca, na Coruña, onde temos tamén, cada xoves último de mes, o punto de Información de Som Energia.
Destinamos parte do noso orzamento anual para a compra dalgún título que nos pareza interesante, especialmente se serve tamén para apoiar proxectos afíns.
O primeiro título en entrar na colección foi a «Guía para o descenso enerxético«, editado pola asociación Véspera de nada a través dun proceso de crowfounding e no que, na súa segunda edición, participamos como sección territorial de Som Energia. En palabras da propia editorial do libro: «Esta Guía presenta unha explicación das transformacións sociais que xa están en marcha e que van supoñer a fin da Era da Abundancia e do Crecemento, ao tempo que ofrece un amplo conxunto de recomendacións acerca do que podemos ir mudando cada galega e cada galego nos terreos da nosa economía, do consumo enerxético, do transporte, da alimentación, da saúde, da vivenda e da educación para non só sobrevivirmos ao Peak Oil senón para construírmos unha Galiza que teña un futuro mellor despois do petróleo.» (Descargar guía en pdf)
Mais adiante fixémonos tamén cun libro editado pola Plataforma por un Novo Modelo Enerxético (Px1NME): «Alta Tensión«, unha escolma de artigos de variada autoría relativos ao mercado eléctrico e con diferentes perspectivas sobre as diferentes partes: «En este libro se compendian las principales reflexiones e ideas de quienes contra viento y marea desoyen por igual las amenazas y los cantos de sirenas. Estas aproximaciones se hacen siguiendo un hilo conductor sumamente sugerente y lógico: causas, consecuencias y alternativas.».
O último dos libros que vimos de sumar á nosa biblioteca son os dous volumes da obra «En la espiral de la energía«, publicado por varias editoriales, entre elas a de Ecologistas en Acción. A obra fai un percorrido histórico pola evolución da humanidade prestando especial interese ao factor enerxético. (Descargar Vol.1 e Vol.2)
Mais alá do carácter educativo/formativo das obras, e a súa intención militante de potenciar o debate e dinamizar as diferentes loitas por un novo modelo enerxético para o planeta, a edición das obras ten tamén un compoñente recadatorio para o investimento nos propios proxectos de loita, polo que, aínda que algunhas destas obras se poden descargar da rede, e tamén pedir prestadas na nosa biblioteca, recomendamos a súa compra.