[Català - Castellano]
O pasado fin de semana do 5 e 6 de marzo tivo lugar en Vitoria-Gasteiz o 5º Encontro anual de Grupos Locais da cooperativa.
Á reunión asistiron unhas 70 persoas de 26 grupos locais de todo o territorio español.
O sábado de mañá a xornada comezou coa benvida por parte do Consello Reitor e por parte dos grupos locais anfitrións e a continuación fíxose unha dinámica para falar do empoderamento e a autonomía dos grupos locais, conducida pola cooperativa ColaBoraBora.
Deste traballo saíron diferentes propostas, das que se considerou mais prioritaria mellorar a sinerxia entre grupos locais, recompilando e organizando un almacén de recursos da cooperativa para eles.
Pola tarde falouse sobre os estatutos da cooperativa e sobre a proposta de modificación dos mesmos. Tamén se compartiron distintas experiencias dos grupos, como un proxecto de autoconsumo de Energia Gara Bilbao, o asesoramento ao concello de Iruña de Energia Gara Nafarroa, a campaña «Presume de Boa Enerxía» de Som Energia Barcelona, o papel de Som Energia Sevilla no proxecto de Alcolea del Río, o convenio coa Asociación de comerciantes de Som Energia Mallorca, entre outros.
O domingo comezou cunha presentación dos recursos actuais da cooperativa en relación ás comunidades de veciños, ás administracións públicas, ao autoconsumo e aos acordos de colaboración.
A continuación falouse sobre o uso das ferramentas existentes en canto á comunicación dos grupos cara as persoas socias e tamén da comunicación entre os diferentes grupos (coordinación das redes sociais, campañas de activismo, etc.).
Finalmente o encontro terminou o domingo ao mediodía, cun agradecemento a todas as persoas asistentes e ás organizadoras, en especial aos grupos locais da zona, de Vitoria-Gasteiz e Bilbao, que se encargaron de toda a loxística e que nos fixeron sentir como na casa. Eskerrik asko! 😉
Podes ver as imaxes do encontro neste enlace: Flickr.
Nos próximos días colgaremos as actas e toda a información resultante do encontro noutro post do Blog.